Xoán Rubia revisita as súas experiencias profesionais como practicante rural

Comparte esta nota de prensa

O autor e cantante mugardés Xoán Rubia estivo onte na Alianza Aresana para compartir co público un percorrido polas súas vivencias como profesional da saúde na Galicia rural do século pasado, dentro da presentación da súa última obra: O practicante rural (Editorial Galaxia, 2025).

Rubia, acompañado por Lois Méndez e Juan Prados e coa presenza da concelleira de Cultura, Alma Barrón, debullou algunhas das características deste volume que actúa, en última instancia, coma unhas anotacións memorísticas cheas de anécdotas, onde se pode apreciar a evolución do sistema público de saúde e tamén os retratos dunha sociedade galega distinta, máis rural e con acceso a menos servizos básicos no día a día.

Con todo, para o propio Xoán Rubia o seu libro tamén se configura como unha homenaxe aos compañeiros e compañeiras de profesión: aqueles practicantes rurais que se viron mergullados na soidade dalgunha vila ou aldea de Galicia coa encomenda de ofrecer un servizo público á cidadanía.

O encontro, organizado pola Concellaría de Cultura, concluíu coa sinatura de exemplares por parte do autor.

 

Pódeche interesar