10 locais de hostalería formarán parte do “DegustAres”, a nova ruta do pincho

Comparte esta nota de prensa

A posta en marcha da iniciativa permitirá dinamizar socioeconomicamente a localidade, tanto polo consumo que se produza como pola entrega dos premios a través de vales para investir no comercio de Ares.

A Concellaría de Comercio da localidade vén de comunicar os establecementos que integrarán a nova iniciativa da súa área de traballo: o DegustAres contará con 10 locais participantes, cadanseu ofertando unha tapa durante as xornadas do 7, 8, 14 e 15 de maio, en diferentes horarios axustados ás súas necesidades.

Lucía Blanco, dende a Concellaría de Comercio, agradeceu a todos os participantes a implicación, mais sobre todo aos negocios que se terminaron sumando a esta edición do concurso de tapas, “pois sen eles e o seu compromiso isto non se podería materializar”, segundo a edila.

Lucía Blanco tamén enfatizou o obxectivo último da ruta de pinchos: “buscamos dinamizar conxuntamente á hostalería local a través do consumo e o desfrute da gastronomía”. Ademais, “poñemos o foco precisamente nun dos sectores máis afectados polas consecuencias da pandemia”, e por iso “invitamos a todo o mundo a participar e apoiar” co seu consumo de proximidade
.
A maiores, o DegustAres contempla a entrega de 1.700 euros en premios para investir no comercio local: 500 euros distribuídos en vales de 100 para os clientes, se cubren debidamente as cuartillas de valoración e resultan gañadores do sorteo, e 1.200 euros para os establecementos que obteñan as mellores valoracións do voto popular: 500 para o primeiro posto, 400 para o segundo e 300 para o terceiro.

A planificación de repartir todas as contías en forma de vales responde ao mesmo interese de dinamización socioeconómica, construíndo fluxos de consumo que redunden e fiquen no municipio.

Estes son os 10 locais do noso DegustAres e os seus pinchos: BOCARTE, O BODEGON, CALLEJÓN, A CASA NOVA, O GAITEIRO, O LAGO, O PARROCHO, EL PUENTE, TARRAFA, YAMBÚ.

Pódeche interesar