O Concello de Ares organiza unha nova Xornada sobre Violencia de Xénero o vindeiro 3 de decembro

Comparte esta nota de prensa

A cita terá lugar o xoves 3 de decembro, a partir das 09:30 horas, cun programa completo de relatorios, mesas de experiencias e unha conferencia musical aberta a todo o público.

A inscrición é gratuíta a través do código QR do cartel informativo ou da ligazón habilitada para tal fin.

A xornada está organizada polo Concello de Ares coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.

O Concello de Ares vén de presentar a programación da súa próxima Xornada sobre Violencia de Xénero, un encontro de formación, reflexión e sensibilización que se celebrará o xoves 3 de decembro a partir das 09:30 horas. A iniciativa, que conta coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, reunirá a especialistas do ámbito psicolóxico, xurídico, forense e social para abordar as distintas dimensións das violencias machistas.

O acto inaugural dará comezo ás 09:45 horas e contará coa participación do alcalde do Concello de Ares, Julio Iglesias Redondo; da concelleira de Benestar e Igualdade, María Victoria Montenegro Paz; e de Manuela Vilaboy, xefa da unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno da Coruña, quen exercerá como presentadora e moderadora.

Relatorios especializados e análise xurídica e forense

A programación da mañá abrirase ás 10:00 horas co relatorio «Resistir na oscuridade. Dignidade e sentido nas respostas á violencia», a cargo do psicólogo clínico e psicoterapeuta Javier Aznar. Tras unha pausa café, ás 12:00 horas, a politóloga e coordinadora do «Comando Igualdade», Priscila Retamozo Ramos, impartirá a sesión «Traballar en igualdade en tempos de reacción patriarcal».

A quenda de mañá pecharase ás 13:15 horas coa intervención da médica forense do IMELGA Berta Rodríguez, que afondará en «As unidades da avaliación forense integral ante as violencias contra as mulleres: a proba pericial».

Experiencias de recuperación e peche musical aberto ao público

Pola tarde, ás 16:00 horas, terá lugar a mesa de experiencias e boas prácticas «Escoitando as súas Voces», centrada na intervención con mulleres superviventes, coa participación de Montse Fajardo (Invisibles), Beatriz López e Noelia Darriba (Arabías) e Paula Sánchez (Fiadeiras).

A continuación, ás 17:30 horas, a maxistrada da Audiencia Provincial de Pontevedra María Belén Rubido abordará «A violencia vicaria: protección das NNA fronte á violencia de xénero».

Como colofón, ás 18:45 horas celebrarase a conferencia musical «Amor, control e violencia: o que din as cancións», unha actividade aberta a todo o público que contará coa psicóloga divulgadora Emma Placer Noriega, á voz, e con Sergio Gramary, ao piano.

As persoas interesadas en asistir á xornada poden formalizar a súa inscrición gratuíta a través do código QR do cartel ou na ligazón habilitada.

Pódeche interesar