A área de Deportes ofertará dende o mes de outubro ata maio 8 rutas por espazos galegos de gran valor natural; un conxunto de andainas para coñecer Galicia dende a práctica deportiva.
O primeiro percorrido, que será polos arredores do Río Belelle, abre hoxe, ás 19:00 horas, cunha inscrición vía telemática na páxina web www.concellodeares.gal
A Concellaría de Deportes da localidade vén de presentar hoxe mesmo o “SendAres 22-23”, o programa municipal que relaciona o deporte e a exploración do medio rural galego. Durante este outono e ata primavera do seguinte ano, achegaranse 8 principais itinerarios, un por mensualidade, co obxectivo de promover o coñecemento da nosa contorna dende unha percepción activa, desenvolvendo actividades físicas na natureza.
“Tendo en conta o éxito do ano pasado, no que cubrimos practicamente todas as prazas das rutas que promovemos, tiñamos claro que era primordial seguir axudando dende o Concello a desfrutar do patrimonio natural empregando o deporte. Por iso ofertamos un programa de sendeirismo asequible economicamente e con diferentes niveis de esixencia física”, declarou a concelleira de Deportes, Noelia Montero, na propia presentación do SendAres.
Así, organizaranse andainas polo río Belelle (23 de outubro); os muíños de Esmelle e mirador de Pedrouzo (13 de novembro); a costa de Dexo (18 de decembro); a contorna de Doniños-Prior (15 de xaneiro); o río Eume e Eirís (19 de febrero); Meirás e a praia de Ponzos (12 de marzo); os cantís de Cedeira (16 de abril) e, finalmente, Fonsagrada-O Cádavo-Lugo (20 e 21 de maio), dúas etapas do coñecido coma Camiño Primitivo a Santiago de Compostela.
Todas elas parten dun prezo fixo, 15 euros por persoa, agás a última, que aínda non ten un custe determinado, pero será maior ao implicar dúas xornadas de sendeirismo e pernoctación, amais dos transportes, seguros e servizo de guía.
SOLICITUDES INDIVIDUALIZADAS E PRIMEIRO ITINERARIO XA ACTIVO
Cada ruta do SendAres contará coa súa propia inscrición individual, seguindo os prazos establecidos pola área de Deportes dentro de cada mes. Todo este proceso será integramente telemático a través da páxina web municipal (www.concellodeares.gal), no propio apartado dedicado ó SendAres 22-23, onde se deberá cumprimentar unha folla de inscrición co nome, apelidos, e-mail, data de nacemento e teléfono de contacto.
Coincidindo coa presentación da programación, o Concello tamén abre hoxe mesmo o proceso para inscribirse na primeira das rutas, a que recalará na contorna do río Belelle con 25 prazas asignadas. A presentación de solicitudes poderá efectuarse dende as 19:00 horas de hoxe e ata as 15:00 horas do 9 de outubro.
As listaxes configuraranse por orde de inscrición, elaborando unha de participantes e outra de garda que se empregará no caso de que houbera baixas.