As futuras obras de reforma do edificio, co obxectivo de habilitalo para usos sociocomunitarios, suporán un investimento de 290.000 euros, derivados do convenio asinado co Instituto Galego de Vivenda e Solo.
Os traballos mellorarán os teitos, a pavimentación do chan, o acondicionamento ambiental e a fachada, entre outros elementos da actual infraestrutura.
A Concellaría de Urbanismo vén de anunciar a licitación dos traballos que afectarán ao local con pista na área de Seselle, un edificio de planta baixa cun estado construtivo primitivo, pois os seus interiores están inacabados e conta con instalacións escasas. A futura intervención pretende crear no local un espazo para o seu emprego sociocomunitario, reformándoo e aproveitando a actual estrutura para a súa recuperación.
O orzamento para a súa execución elévase aos 290.041,24 euros, que serán postos a disposición primeiramente polo Instituto Galego de Vivenda e Solo, para que o Concello poida devolvelos ao longo de oito anualidades sen ningún tipo de xuros.
Esta fórmula de investimento vén dada grazas a que Ares é un dos 9 concellos de toda Galicia cuxos proxectos resultaron seleccionados para beneficiarse do instrumento de cooperación da Xunta. Os proxectos foron elixidos en función do seu interese e a credencial do cumprimento dos requisitos das regras fiscais esixidas (estabilidade orzamentaria, regra de gasto e déficit…).
A reforma deste edificio para usos sociocomunitarios outorgará un novo uso á estrutura, dispoñendo dúas salas de emprego múltiple e baños con ducha. Realizaranse traballos nas fachadas e no chan, no que se formarán pavimentos novos para todo o edificio, e mellorarase o sistema de acondicionamento ambiental. En esencia, será unha obra que reformará interior e exteriormente o local, deixando atrás o estado primitivo da actualidade.
Olimpia Marcos, concelleira de Urbanismo, afirmou que “Seselle non conta na actualidade cun espazo de lecer nin de xuntanza da veciñanza, e por iso consideramos fundamental recuperar este local, que tamén ten un valor simbólico. Era precisamente na súa pista onde se producían as festas populares da contorna; tiña un claro emprego social, deportivo e cultural”.
Os futuros traballos de reforma do edificio, segundo Marcos, “achegarán á mocidade, ás persoas maiores e á veciñanza en xeral de Seselle un lugar de referencia para o ocio, o lecer e o esparcimento”.