Esta mesma semana licitouse o proxecto básico que acondicionará un espazo de interese patrimonial, edificado en 1696, e que contará cun investimento de 121.527 euros, impostos incluídos, con cargo aos fondos municipais e o POS+2021 da Deputación.
As empresas poden presentar as súas ofertas ata o 13 de febreiro na Plataforma de Contratación do Sector Público.
O Concello vén de informar da recente licitación do proxecto básico de acondicionamento do interior da Rectoral de Ares, un edificio do casco urbano da vila xa incluido no catálogo de bens protexidos por patrimonio e construido a finais do século XVII. Esta intervención reformará o seu interior e permitirá rehabilitalo para o seu emprego público, con usos múltiples tanto culturais coma sociais.
Na actualidade, a Rectoral atópase baleira por dentro, sen forxados ou pavimentos, coa cara interna dos muros con limo, sen revestimentos e cunha planta superior afectada por desplomes accidentais. A estrutura en si sufriu ao longo dos últimos anos unha degradación progresiva dende o seu abandono coma vivienda do párroco de Ares.
Por iso, as obras que se veñen de licitar pretenden seguir a estela de anteriores intervencións, como foi a rehabilitación da cuberta e exteriores da casa, co obxectivo de conservar e recuperar o seu estado orixinal, desta volta incorporando actuacións en numerosos elementos que conforman o interior da edificación. Traballarase así sobre a tabiquería, a carpintería interior e exterior (portas e ventás), o chan (incorporando tarima de castaño), a fontanería e sanitarios, a electricidade e mesmo a iluminación (con luminarias de tipo LED), entre outros.
En esencia, executarase unha reforma que aumentará a superficie útil da Rectoral, pasando dos 171,13 metros cadrados actuais aos 277,09 metros cadrados despois do proxecto, pola ampliación da planta superior. Porén, si que se conservarán elementos como a envolvente exterior, a estrutura da cuberta, o muro interior de separación de espazos, o porche e portas de cantería, os recercados das ventás e portas ou o patín de entrada con escaleiras, un elemento que outorga singularidade ao inmoble; é unha das tres edificacións en todo Ares que conta cun patín destas características, xunto coas instalacións do Xulgado e a Casa da Xuventude, ambos xa de titularidade municipal e rehabilitados no seu día para os usos actuais.
O investimento total que supón este proxecto é de 121.527,56 euros, IVE incluído, con 80.189,86 euros asumidos pola Deputación da Coruña no POS+2021 e 41.337.70 euros das arcas do Concello. As empresas interesadas terán ata o 13 de febreiro para presentar as súas propostas na Plataforma de Contratación do Sector Público.