O 28 de xullo, Ares únese novamente para render homenaxe a Gildo Illobre a través da sexta edición dun evento musical que leva o seu nome. A Rondalla Trovadores de Ares, en colaboración coa concellería de Cultura e Bodegas&VinosAres, organizan esta iniciativa que terá lugar na Igrexa Parroquial de Ares.
Hoxe, na alcaldía do Consistorio, levouse a cabo a presentación das actuacións previstas para esta data tan especial. No evento estiveron presentes a concelleira de Cultura, Alma Barrón, así como a viúva do homenaxeado e madriña de honra no evento, Concha Saavedra. Tamén participaron o representante da Rondalla Trovadores de Ares, Juan Sanjurjo, e o xerente da empresa colaboradora Bodegas&Vinos Ares, Alejandro Pérez.
A VI Homenaxe musical a “Gildo Illobre” celebrarase o venres 28 de xullo na Igrexa parroquial de Ares, comezando ás 20.15 horas. O evento contará coa participación da Rondalla Mugardesa e a propia Rondalla Trovadores de Ares, da cal Gildo Illobre foi parte durante moitos anos como acordeonista e director, ata o seu falecemento en 2015. O seu legado musical segue vivo no municipio e reflíctese neste emotivo acto de recoñecemento.