A concellaría de Urbanismo anunciou a finalización dos traballos de revestimento exterior dos vestiarios no complexo deportivo de Pedrós.
Esta actuación foi proxectada pola administración local co obxectivo mellorar o aspecto estético do edificio, así como facilitar o seu mantemento, ademais de acadar unha notable mellora en termos de eficiencia enerxética.
O custo desta intervención ascendeu a 30.160,68 € e foi financiado a través dunha subvención tramitada polo Concello ante o Instituto de Estudos do Territorio, dentro da liña de apoio destinada a corrixir impactos paisaxísticos.
Deste xeito, o financiamento dos traballos levouse a cabo de maneira conxunta entre ambos os organismos, cunha achega de 20.000 euros por parte da administración autonómica e 10.160,68 € por parte do Concello.
Os traballos centráronse na mellora dos revestimentos e acabados, así como na optimización da eficiencia enerxética e a impermeabilización do edificio. En canto ás fachadas, executouse unha folla exterior utilizando bloques de termoarcilla cunha cámara de aire, que incluiu un illamento térmico para mellorar a eficiencia enerxética. Ademais, aplicouse un revestimento exterior continuo co que se mellorou significativamente a estética do edificio. Así mesmo, realizouse a impermeabilización da cuberta de chapa de aceiro grecada mediante o uso de PVC.
A concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, salientou a importancia destas obras para mellorar a imaxe do complexo deportivo de Pedrós e proporcionar instalacións máis atractivas e funcionais, tanto para os deportistas, como para a veciñanza en xeral.