O Concello presenta a nova edición do “SendAres 2023-24”, o programa de sendeirismo municipal para conectar aos amantes da natureza coa práctica deportiva.

Comparte esta nota de prensa

Nun esforzo por unir deporte e exploración da natureza, a Concellería de Deportes presentou hoxe o programa “SendAres 23-24”.

Durante o transcurso do outono ata a primavera seguinte, ofreceranse 9 itinerarios variados, un por cada mes, co obxectivo de fomentar unha apreciación activa da nosa contorna natural a través da actividade física na natureza.

A área de Deportes preparou unha completa e variada serie de 9 roteiros, dispoñibles desde setembro ata maio, deseñados para explorar tanto as marabillas naturais de Galicia, como un recuncho especial fora das nosas fronteiras xeográficas.

Así,  o primeiro percorrido levarase a cabo en Taramundi e marca a súa apertura hoxe ás 23:59 horas. As inscricións realizaranse de maneira telemática a través da plataforma en liña www.concellodeares.gal.

O itinerario incluirá travesías por Taramundi (30 de setembro), Penas de Traba en Laxe (22 de outubro), o Val do Dubra (19 de novembro), o río Mandeo (17 de decembro), Monfero (21 de xaneiro), o río Sor (18 de febreiro), a costa de Malpica (17 de marzo), Modoñedo (21 de abril) e, por último; Laxe, Arou e Camariñas (25 e 26 de maio), abarcando dúas etapas do famoso “Camiño dos Faros”.

Os prezos destas experiencias varían entre os 15 e 20 euros por persoa, coa excepción do primeiro roteiro que ten un custo de inscrición de 30 euros, e a última etapa que aínda non ten un custo fixo, pero espérase que sexa maior debido á súa duración de dous días de sendeirismo, aloxamento, transporte, seguro e guía incluídos.

As inscricións para cada roteiro do SendAres serán individuais e levaranse a cabo en liña a través do sitio web do Concello (www.concellodeares.gal), na sección dedicada ao SendAres 23-24. Os interesados deberán completar un formulario de inscrición cos seus datos persoais, incluíndo nome, apelidos, correo electrónico, data de nacemento e número de teléfono.

Xunto coa presentación do programa, o Concello iniciou o proceso de inscrición para o primeiro roteiro en Taramundi do 30 de setembro, con 25 prazas dispoñibles. As solicitudes poderán presentarse desde as 23:59 horas de hoxe ata as 15:00 horas do 8 de setembro. As prazas asignaranse por orde de inscrición, formando unha lista de participantes e unha lista de espera que se utilizará en caso de baixas de última hora.

FORMULARIO DE INSCRICIÓN RUTA 1 – RUTA TARAMUNDI: https://forms.gle/hf1qpyTiJ21T3C4y8

Pódeche interesar