A Biblioteca Municipal de Ares puxo onte o broche de ouro á súa programación especial de Samaín coa celebración da sesión de contacontos familiar «Tarecos e castaña do alén», unha proposta gratuíta que encheu o espazo de historias, misterio e tradición compartida entre pequenos e maiores.
A actividade completou o ciclo de iniciativas arredor do Samaín, promovidas pola Concellaría de Cultura co apoio da Deputación da Coruña, que ao longo das últimas semanas achegaron a animación á lectura e o espírito destas datas á nosa veciñanza:
- A Mesa de Medo, dispoñible desde o 21 de outubro cunha coidada selección de libros e contos arrepiantes en préstamo.
- As sesións de «Unha biblioteca de medo», nas que a rapazada participou con gran entusiasmo, provista das súas lanternas, disfraces e bolsas para mergullarse na intriga segundo as súas idades.
- A función de «Tarecos e castaña do alén», que reuniu o público familiar arredor das lendas, a tradición oral e os personaxes tradicionais desta época do ano.
Desde a Concellaría de Cultura agradecen a magnífica resposta e a implicación de todas as familias e participantes, consolidando a biblioteca como un punto de encontro vivo para a cultura e o lecer na nosa vila.









