Rematan con grande éxito os obradoiros de costura creativa e ‘upcycling’ téxtil na Casa Rectoral de Ares

Comparte esta nota de prensa

A Casa Rectoral puxo o punto e final ao ciclo municipal de obradoiros de customización de roupa, no que a veciñanza participou activamente para aprender a coser, reparar e transformar pezas en desuso baixo unha premisa clara: «A moda máis sustentable non é a que se merca, senón a que se transforma».

Ao longo das tres sesións formativas celebradas esta semana, as persoas participantes traballaron de xeito moi práctico en dúas liñas de traballo:

  • «Customiza a túa roupa», convertendo pezas vellas esquecidas no armario en deseños exclusivos a través da autoexpresión e a creatividade.
  • «Crea a túa tote bag», dándolle unha segunda vida útil a pantalóns vaqueiros (denim) para transformalos en bolsas resistentes e funcionais, aproveitando elementos orixinais como petos e costuras.

Con esta iniciativa, o Concello de Ares promove a economía circular, a reutilización e o consumo responsable fronte ao impacto ambiental da industria da moda, demostrando que o mellor residuo téxtil é o que non se xera.

Estas actuacións enmárcanse na estratexia municipal de mellora na xestión dos residuos e contan co cofinanciamento da Unión Europea, no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, co apoio da Xunta de Galicia, Xacobeo 2027 e Fondos Europeos.

Moitas grazas a todas as persoas que participastes e compartistes o voso tempo, imaxinación e talento para darlle unha nova vida ao tecido!

Pódeche interesar