A Concellaría de Cultura de Ares anunciou un evento especial para conmemorar o Día das Bibliotecas 2023, unha data destinada a destacar a importancia das bibliotecas como espazos públicos que contribúen ao benestar da comunidade na que se atopan.
Deste xeito, o salón de actos da Alianza Aresana converterase no escenario dunha actividade que combinará narración oral e maxia, presentada polo Mago Paco. A actuación, titulada “Contamaxias”, está deseñada para un público infantil e familiar, e terá lugar o vindeiro martes, 24 de outubro, ás 18:00 horas. O Mago Paco transportaranos a un mundo de contos e historias a través de xogos e maxia, permitindo a nenos e adultos descubrir a “maxia divertida” que se esconde nas historias.
Esta actividade, organizada pola área de Cultura municipal en colaboración co programa “Ler conta moito” da Xunta, será de acceso libre ata completar o aforo.