O alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo, xunto ao presidente da Deputación, Valentín González Formoso, levaron a cabo unha visita esta mañá a dous proxectos que supoñen unha mellora crucial na seguridade viaria do municipio.
Estes proxectos implicaron a construción dunha senda peonil na estrada de Ares a Redes e outra na estrada que conecta Ares con Chanteiro, cun investimento total de máis de 2,7 millóns de euros.
O alcalde de Ares, Julio Iglesias Redondo, e a concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, xunto co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, acompañados por técnicos provincias do departamento de estradas e concelleiras do goberno municipal, visitaron hoxe as obras da senda peonil que conecta Ares e Redes e a derradeira fase da ampliación e mellora da estrada que vai de Ares a Chanteiro.
O proxecto da senda peonil Ares-Redes representou un investimento de 748.038 euros, destinado a mellorar a seguridade dos peóns nunha zona moi concorrida, especialmente durante os meses de verán, por ser un acceso principal a lugares como o núcleo de Redes e as praias de O Raso e Seselle.
As obras consistiron na construción dunha senda de dous metros de ancho desde o punto quilométrico 0+140 ao 3+200, creando un total de 3,2 quilómetros de beirarrúas. Ademais, se incluíron a construción dun muro de contención, melloras na drenaxe, sinalización e reposición de pavimentos afectados.
No tocante ás obras en Chanteiro, a Deputación investiu 1,9 millóns de euros na renovación da totalidade da estrada, sumando as dúas fases do proxecto.
Esta segunda fase de ampliación da DP-0402 tivo un orzamento de 726.053 euros, o que permitiu ampliar o tramo desde o PK 3+700 ao 4+700, aumentando o ancho da estrada de cinco a sete metros para facilitar o tráfico de vehículos. Agregáronse tamén novos espazos para os peóns, incluíndo beiravías en ambas as marxes desde o km 3+700 ata o 4+450.
No percorrido realizado esta mañá pola senda da estrada DP 0401 Ares-Redes o presidente da Deputación declarou que “estamos nunha obra que era moi demandada e que é froito dun compromiso co alcalde e coa veciñanza, que reivindicaba desde hai tempo unha zona segura para poder camiñar nunha estrada tan transitada coma esta, especialmente no verán, xa que dá acceso a algunhas das principais praias de Ares”, afirmando que “esta senda era claramente necesaria e penso que é un acerto tela feito”.
Formoso referiuse tamén ás obras da estrada DP 0402 Ares-Chanteiro, apuntando que “son obras de grande magnitude, longas no tempo, e que inevitablemente xeran molestias á veciñanza durante a súa execución, pero creo que o esforzo pagou a pena e que hoxe os veciños de Redes e de Chanteiro gozan de estradas máis amplas e seguras e de beirarrúas que permiten circular a pé con absoluta seguridade”.
Pola súa parte, o alcalde de Ares, Julio Iglesias, agradeceu o investimento da Deputación para a mellora de ambas as estradas, “que supoñen unha notable mellora da seguridade viaria no municipio e responden a unha demanda histórica da veciñanza”.
Ademais, no encontro de hoxe, o rexedor e o presidente da Deputación abordaron a necesidade de acometer outra intervención de gran importancia destinada a mellorar a seguridade no termo municipal, especificamente na vía que conecta Cervás con O Baño. O alcalde expresou a relevancia desta futura actuación, sinalando que “se trata dunha vía que soporta moito tránsito e que conta cun ancho insuficiente, polo que as obras para mellorala son moi necesarias”.
A maiores desta intervención, o alcalde anunciou que o Concello levará a cabo un novo proxecto co foco posto na seguridade viaria, como é a construción da terceira fase das beirarrúas na parte alta de Pedrós, para o cal se solicitará colaboración á Deputación, completando así todo o tramo que foi iniciado coas dúas fases previamente executadas en lexislaturas anteriores.
O rexedor concluíu manifestando que “na actualidade, contamos con beirarrúas en todas as estradas que converxen en Ares, incluíndo as de Ares a Franza, de Ares a Mugardos, de Ares a Chanteiro, de Ares a Redes, e de Ares a Pedrós, na que pronto o Concello executará a fase definitiva”.