A iniciativa municipal organizará unha saída ata Mañón de 14 quilómetros, explorando un dos bosques mellor conservados da provincia da Coruña: a Ribeira do Río Sor. Realizarase ao longo da xornada do domingo, 18 de febreiro.
As persoas interesadas poderán inscribirse a partir das 18:00 horas de mañá, martes 30 de xaneiro, con 25 prazas habilitadas e un prezo de 20 euros
A área de Deportes vén de anunciar a posta en marcha do proceso administrativo da próxima ruta do SendAres, o programa de sendeirismo do Concello. Así, mañá, martes 30 de xaneiro, abrirase a inscrición telemática do sexto percorrido ao longo da tarde (18:00 horas) e a través da páxina web institucional (www.concellodeares.gal).
Nesta ruta guiada, os sendeiristas achegaranse a un dos mellores bosques conservados da provincia da Coruña: a Ribeira do Río Sor, en Mañón. E mesmo haberá tempo para visitar a fervenza de Augas Caídas, un espectacular salto de auga de preto de 90 metros; un percorrido que aúna deporte e natureza para gozar da paisaxe galega.
Todo o itinerario desenvolverase durante a xornada do domingo, 18 de febreiro, cunha distancia de 14 quilómetros e unha dificultade media-baixa. O prezo ascende a 20 euros e inclúe servizo de guía, seguros e transporte de ida e volta dende Ares. O autobús sairá ás 08:00 horas e chegará ao núcleo da vila ás 17:00 h., aproximadamente, dende o punto de encontro habitual: a Praza da Igrexa do municipio.
A Concellaría de Deportes asignou 25 prazas para a actividade, que se cubrirán por orde de inscrición ata as 00:00 horas do 5 de febreiro ou, de darse o caso, ata o seu esgotamento.