Este sábado pasado, o parque Antón Varela de Canido acolleu o acto de inauguración do monumento ás preto de 1.000 persoas asasinadas en toda a comarca durante o Golpe de Estado de 1936 e a ditadura franquista. Un memorial onde se expoñen os nomes de todas estas vítimas directas da represión e que fala, en última instancia, dunha dor compartida á que agora se fai xustiza.
Ao acto tamén asistiu o Concello de Ares, a través da representación da tenente alcalde, Alma Barrón, para expresar o seu apoio a un monumento que axuda á reconciliación de Ferrolterra, Eume e Ortegal co seu pasado. Dende agora en adiante, o Parque Antón Varela conta cunha escultura realizada por Manuel Patinha que se creou para encender a luz sobre o pasado e alumear o camiño da paz para os vivos, baixo a perspectiva do escultor.
Na inauguración, á que acudiron autoridades institucionais, asociacións de memoria histórica e, sobre todo, netos e bisnetos das vítimas do franquismo, tamén se amosaron fotografías dos represaliados e lembraron algunhas das súas historias: como foron asesinados e que impacto tivo a súa morte nas familias que ficaron atrás, somerxidas en décadas de silencio.
Grazas á investigación de Xosé Manuel Suárez e Bernardo Máiz, é posible acceder a unha relación de nomes das vítimas da ditadura franquista, loitando contra o esquecemento e tendo sempre na memoria ás persoas que axudaron a construír uns valores democráticos compartidos.
A relación de nomes dos represaliados/as pode consultarse aquí: https://www.ferrol.gal/arquivos/documentos/memorialvitimas/RELACION-VITIMAS-DO-FRANQUISMO-EN-FERROL.pdf.