O evento, que traballa cun texto de Carmen Conde, realizarase o martes, 26 de marzo, no Centro Instrutivo de Cervás (CIRS) ás 20:00 horas con entradas de balde.
Parte das historias que se amosan na peza teatral foron recompiladas en Ares, con experiencias reais sobre a emigración de moitos veciños e veciñas.
A Concellaría de Cultura vén de desvelar hoxe a programación que se promove no municipio polo Día Mundial do Teatro 2024. O martes, 26 de marzo, o Centro Instrutivo de Cervás (CIRS) de Ares acollerá o espectáculo ‘Boa sorte, mala fama’, de Tarabela Creativa, coordinado coa Deputación da Coruña e con autoría de Carmen Conde na composición teatral.
Alma Barrón, concelleira de Cultura, salientou que a actuación “ten unha materia prima particular: é unha peza de teatro sobre a emigración galega que empregou, en gran parte, narracións orais de Ares. Foron algúns aresáns os que lles contaron as súas experiencias migratorias que logo inspiraron este espectáculo”.
Ademais, o feito de que se realice no CIRS de Cervás non é causal: tamén é un espazo directamente relacionado coa emigración e que se atopa na celebración do seu centenario. Cen anos de historia que resaltan a fonda pegada dos galegos e galegas que marcharon na procura dunha mellor sorte e, coma se di no espectáculo interpretado por Tarabela Creativa, remataron transformados en anduriñas: estando en cada continente, construíndo colonias, tendo o camiño de volta a casa sempre na cabeza.