A Concellaría de Urbanismo informou hoxe da substitución completa dos equipos fotovoltaicos no depósito de Os Castros, unha montaxe que vén de rematar recentemente e que supón contar cunha infraestrutura en enerxía sostible totalmente nova.
Así, poderase cubrir canto menos o 25 % do consumo que require a prestación de servizo de abastecemento de auga, grazas ós 40 paneis xa instalados. A intervención de renovación implicou un investimento de 27.448,40 euros, IVE incluído, asumido entre o Instituto Enerxético de Galicia (14.220 euros) e o Concello (13.228,40 euros), e supón continuar dando pasos na procura de medidas de aforro enerxético en toda a vila de Ares.
“Nos últimos anos, o Concello foi incorporando aos espazos municipais cada vez máis paneis fotovoltaicos, principalmente polo noso compromiso pola mellora da eficiencia enerxética, a procura da sostibilidade e a redución do impacto medioambiental. É parte dun traballo continuo de modernización e renovación da nosa rede enerxética aos novos tempos”, declarou Olimpia Marcos, de cara a contextualizar esta última instalación sobre o depósito de Os Castros.