Representantes do Concello e das entidades involucradas debullaron hoxe os detalles da proba deportiva, un clásico no verán de Ares pola súa continuidade no tempo.
As inscricións abren hoxe, 9 de xullo, na páxina web municipal concellodeares.gal até o 18 de xullo. O prezo de participación é de 3 euros, agás a categoría popular, que é de balde.
Alma Barrón, concelleira de Deportes, Victoria Jiménez, presidenta do Club Natación de Ferrol, e Javier Sánchez, técnico deportivo municipal, presentaron esta mañá na casa consistorial de Ares a nova edición da Travesía a Nado Ría de Ares, unha proba que xa vai polo seu vixésimo sétimo ano e que se atopa entre os principais eventos deportivos do verán na localidade xunto coa clásica Milla Urbana.
Así, os representantes das entidades involucradas detallaron o funcionamento desta Travesía que se organizará a partir das 17:30 horas do sábado, 20 de xullo, na Rampla Grande de Ares, enchendo así a contorna de nadadores e visitantes. A proba contará un ano máis cunha ampla mostra de categorías, dende crianzas a máis maiores, e tamén variabilidade nas distancias: dos 100 metros da categoría popular aos 1.000 metros da distancia máis longa.
Como en anteriores edicións, entregaranse trofeos aos gañadores absolutos tanto en categoría masculina e feminina, así como ao nadador/a máis mozo e o máis veterano. E na categoría popular, habilitada para todas as idades, haberá medallas para todos os participantes.
Deste xeito, habilitáronse 150 prazas a cubrir de xeito telemático a través da web municipal www.concellodeares.gal, enchendo o formulario que se atopará dispoñible no apartado correspondente. O proceso de inscrición estará aberto dende hoxe, 9 de xullo, ás 14:30 horas até o xoves, 18 de xullo, ás 9:00 horas.
No caso de non esgotar todas as prazas consignadas, o mesmo día da proba, de 16:00 a 17:00 horas na Rampla Grande de Ares, as persoas interesadas poderán reservar as sobrantes por orde de chegada á mesa de dorsais. O prezo establecido é de 3 euros para todas as categorías agás a popular, con participación de balde.
Como informan dende a organización, establecerase unha zona de avituallamento frío e quente con froitas, barritas enerxéticas e bebidas isotónicas.
Aproveitando a presentación no consistorio de Ares, o Concello traslada o seu agradecemento a todas as entidades que colaboran para facer posible a proba deportiva: dende Serviocio BeOne ao Club Natación Ferrol, Supermercados Froiz, Protección Civil de Ares, o Club Marítimo de Redes e o Club Náutico de Ares.