A Alianza Aresana acolleu a presentación literaria de ‘Ardentía 1854’ de María D. López-Menéndez

Comparte esta nota de prensa

A xornalista e guionista María D. López-Menéndez debullou o venres pasado no salón de actos da Alianza Aresana o fondo da súa primeira novela, Ardentía 1854, no marco do acto que promoveu a Concellaría de Cultura do municipio. Publicada en Hércules de Ediciones este 2024, o libro propón unha viaxe á cidade da Coruña no século XIX, aproveitando unha exhaustiva documentación para ambientala.

Acompañada da súa editora, Laura Rodríguez, e do escritor Pablo J. Rañales, María debullou a situación da urbe herculina en 1854, ano no que viviu un trauma colectivo: a pandemia de cólera que se levou ao 30 % da poboación e que despois se expandiu mesmo a outros territorios de Galicia.

Este é o episodio histórico que estrutura a súa novela, converténdose nun artefacto literario que nos permite ollar a realidade daquel momento na Coruña, símbolo do liberalismo da época e a terceira cidade máis poboada por detrás de Barcelona e Valencia.

A propia María López-Menéndez, que se namorou de Ares durante as xornadas de gravación de Padre Casares nas que traballaba, tamén adiantou que este será o comezo dunha saga de ficción para narrar outros tantos episodios históricos de Galicia esquecidos. E a nosa localidade, na súa planificación creativa, tamén terá un oco especial…

Pódeche interesar