O Concello homenaxea o esforzo do Club de Remo de Ares

Comparte esta nota de prensa

Moitas emocións, a cabalo entre o orgullo e a alegría, foron as que se viviron esta fin de semana no salón de plenos do consistorio aresán. A corporación municipal recepcionou aos remeiros e remeiras este mesmo sábado do Club de Remo de Ares nas súas categorías sénior e catro scull infantil feminino para celebrar os seus últimos logros deportivos, nada menos que tres títulosCampionato Galego de Traíñas Masculina, Liga Galega de Traíñas Masculina (LGT) e o Campionato Galego de Remo Olímpico– e un ascenso á liga ACT que exemplifican o traballo detrás das dúas tripulacións.

No acto, recibiron agasallos institucionais coas cores da entidade deportiva a título individual e coma club, e estamparon a sinatura no Libro de Ouro do Concello todo o corpo técnico da tripulación sénior e as infantís Mariña Antón, Larraitz Aranaga, Claudia Varela e Sabela García, as actuais campioas galegas en catro scull de remo olímpico, xunto cos seus entrenadores/as.

O alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias, parabenizou aos remeiros e remeiras  enfatizando precisamente “o esforzo constante para compatibilizar a vida, o traballo, as responsabilidades en si, co remo”, e levando aínda así á vila ao nivel máis alto deste deporte, independentemente da distancia de recursos entre o Club de Remo local e o resto de ‘Goliats’ que participan da ACT.

Durante o evento tamén se fixo mención ás catro primeiras remeiras do club, pioneiras na década dos 70, un exemplo histórico e un legado que aínda brilla no día de hoxe.

Pódese ver o acto institucional ao completo na seguinte ligazón: https://www.facebook.com/watch/live/?ref=watch_permalink&v=1624556948099698

 

Pódeche interesar