Segunda charla divulgativa ao alumnado do CPI As Mirandas no marco do proxecto ‘O ourizo de mar, un tesouro posto en valor onde o Atlántico goza’

Comparte esta nota de prensa

Esta mesma mañá, estudantes de sexto de primaria do CPI As Mirandas acudiron ao Centro Cultural Outeiro de Chanteiro para achegarse de novo, como xa se fixera ao peche do mes pasado, ao produto do litoral da nosa contorna a través dunha charla divulgativa con profesionais do eido mariñeiro.

Así, os representantes da Confraría de Pescadores de Ares amosáronlles os instrumentos e o proceso de extracción do ourizo de mar, mais tamén aproveitaron para que rapaces e rapazas puideran ver de preto outro dos manxares da ría: os centollos, que veñen de abrir a súa veda de captura na comarca. Tamén aprenderon, entre outros contidos, como é o proceso de reproducción e alimentación destes dous produtos, sendo testemuñas da enorme biodiversidade do Océano Atlántico.

Estas sesións de charlas divulgativas inscríbense dentro do proxecto do Concello de Ares ‘O ourizo de mar, un tesouro posto en valor onde o Atlántico goza’, que suma ás charlas escolares outras iniciativas como a preparación e tratamento do propio ourizo, con showcookings e degustacións, ou a exaltación popular deste produto na contorna de Chanteiro, sempre co obxectivo de dalo a coñecer e poñelo en valor.

Amais das actividades centradas en estudantes do CPI As Mirandas, tamén se repartirá entre a veciñanza un díptico con información sobre o ourizo de mar, promocionando a cultura mariñeira e a actividade pesqueira de Ares e fomentando o seu consumo local.

O proxecto ‘O ourizo de mar, un tesouro posto en valor onde o Atlántico goza’, conta co apoio económico da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, o GALP GOLFO Artabro NORTE e fondos da Unión Europea.

 

Pódeche interesar