O Concello recoñece a entrega e bo facer de Protección Civil de Ares

Comparte esta nota de prensa

Dentro da conmemoración do Día Internacional do Voluntariado que se celebra cada 5 de decembro, o Concello organizou este xoves pasado un acto de recoñecemento ó compromiso, exemplaridade e traballo do corpo de Protección Civil de Ares, así como da Policía Local do municipio, representada no momento pola súa Xefatura.

Presidido polo alcalde, Julio Ignacio Iglesias, cada voluntario e voluntaria recibiu unha insignia individual coma símbolo de agradecemento colectivo da sociedade aresá, “pois eles, en momentos difíciles, dan moitísimo máis do que se lles pide e espera, sempre ao pé do cañón”, en palabras do rexidor.

O acto, que contou coa presenza de membros do equipo de goberno e de todas as formacións política que integran a corporación municipal, arrancou cun emotivo homenaxe á figura de Pepe Montenegro Ferreiro, exedil á fronte non só das políticas de obras e servizos, senón tamén totalmente entregado á vila e á coordinación de Protección Civil, falecido en 2011.

A súa viúva, Elvira, recibiu en nome de todo o Concello un agasallo que lembra e agradece profundamente a entrega de Pepe Montenegro a favor do progreso e mellora de Ares, caracterizada polo compromiso absoluto.

Coma pecha do acto, enfatizouse a relevancia da propia xornada de recoñecemento, unha forma de celebrar o altruísmo do voluntariado que agroma nos bos e nos malos momentos.

 

Pódeche interesar