Este pasado domingo, 23 de febreiro, os participantes do SendAres embarcáronse nun novo percorrido pola costa aresá descubrindo a riqueza natural de Chanteiro nun itinerario de 10 quilómetros que combinou exercicio, aventura e paisaxe.
A ruta iniciouse no Centro Cultural Outeiro, levando aos participantes por sendeiros que bordean o litoral ata alcanzar Punta Coitelada e a praia de Chanteiro. O percorrido culminou en Punta Segaño, un enclave que ofrece algunhas das mellores vistas panorámicas de Ares e da súa contorna costeira.
A entrada á ría de Ferrol co Castelo de San Felipe, o Mosteiro de Santa Catalina e as antigas baterías militares da Bailadora foron algún dos puntos nos que pararse a botar fotografías e contemplar a paisaxe.
A iniciativa dirixida pola Concellaría de Deportes aproveitou un dos itinerarios que conforman a rede municipal de rutas de sendeirismo activa na vila para achegarse á natureza dun xeito activo!