O salón de actos da Alianza Aresana acolleu onte o espectáculo de narración oral que propuxo Ana Meilán ós pequenos e pequenas de 3 a 7 anos. Enmarcado na programación polo Día do Libro Infantil e Xuvenil do Concello, Meilán imaxinou un mundo sen ningunha bágoa.
De feito, contou as aventuras de Simón, un neno que, agotado de que toda a xente lle chame chorón, decide gardar as bágoas en botes debaixo da cama. O cambio é moi palpable: resulta que comezan a consideralo un adulto feito e dereito.
Pequenos e pequenas e familias gozaron desta proposta lúdico-cultural que se complementa coa segunda das programacións para conmemorar o Día Infantil e Xuvenil, cun obradoiro tematizado na Biblioteca Municipal de Ares.
Moitas historias e moitos libros para este mes de abril!