Ares tamén celebrou o Día do Libro 2025 que se conmemoraba onte, 23 de abril, con flores, historias e imaxinación dentro da programación impulsada pola Concellaría de Cultura. Dende pola mañá, o equipo técnico bibliotecario repartiu rosas de gominola aos usuarios das súas instalacións para arrancar a xornada cun toque doce, mais tamén deseñou dúas mesas coas súas recomendacións para público adulto e infanto-xuvenil.
E foron os nenos e nenas de entre 5 a 9 anos os que puideron continuar con esta homenaxe ós libros pola tarde co obradoiro ‘Letras no cristal’, unha proposta que converteu os cristais da Alianza Aresana nunha folla en branco para que todos eles, empregando letras de silicona confeccionadas para a ocasión, puidesen pegar e escribir os seus nomes, frases ou títulos de contos que lles gustan.
Toda unha aventura destinada a gozar da literatura dende pequenos!