O Concello e a Fundación Esplai organizan un campamento gratuíto no verán para aprender sobre tecnoloxía de forma creativa e segura

Comparte esta nota de prensa

  • Baixo o nome de CRI TIC: Infancia e xuventude con criterio dixital, as dúas entidades promoverán na Casa da Xuventude varias sesións ao longo de xuño e xullo co foco posto na mocidade da vila.
  • Haberá a posibilidade de aprender sobre robótica, realidade virtual, programación, intelixencia artificial… e outros tantos módulos orientados ao uso responsable da tecnoloxía.

 

A Aula CeMIT da Casa da Xuventude acollerá durante finais de xuño e todo xullo unha programación centrada na mocidade aresá de 9 a 17 anos. O Concello e a Fundación Esplai organizarán ‘Cri-TIC: Infancia e xuventude con criterio dixital’, un campamento totalmente de balde para que a rapazada poida aprender a empregar a tecnoloxía de forma segura, creativa e divertida.

O campamento servirá para que entren en contacto, en horario de mañás, coa intelixencia artificial e as súas posibilidades de creación, a robótica, a programación ou a realidade virtual, enfatizando o carácter lúdico desta proposta, pero tamén haberá espazo para o eido educativo, formando á mocidade en ciberseguridade e uso responsable e consciente da tecnoloxía. Unha forma de aprender, experimentar e divertirse no mundo dixital.

As inscricións xa están dispoñibles dende hoxe mesmo, 14 de maio, ata o 2 de xuño, sendo preciso contactar co correo electrónico irene.ferreira@fundacionesplai.org para especificar o nome, apelidos e idade do rapaz ou rapaza que desexe sumarse ó campamento.

Dispóñense 4 grupos con diferentes datas de actividade e horarios, cada un con 12 prazas que se cubrirán por orde de inscrición á iniciativa.

DATAS E HORARIOS:

De 9 a 13 anos

  • Grupo 1: 23 a 30 de xuño (de 9 a 14:00 h.)
  • Grupo 2: 1 a 10 de xullo (10:00 a 14:00 h.)
  • Grupo 3: 24 a 1 de agosto (9:00 a 14:00 h.)

De 14 a 17 anos

  • Grupo 4: 11 a 22 de xullo (10:00 a 14:00 h.)

Máis información do proxecto en: https://fundacionesplai.org/que-hacemos/proyectos/cri-tic-infancia-y-jovenes-con-criterio-digital/

Pódeche interesar