O Concello promoverá a súa tradicional Milla Urbana o vindeiro 9 de agosto

Comparte esta nota de prensa

  • O evento deportivo vén de presentarse oficialmente e ultima os seus detalles organizativos como proba oficial da Federación Galega de Atletismo, dentro do Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación da Coruña.
  • Xa é posible formalizar a reserva de praza de xeito telemático a través da páxina web carreirasgalegas.com.

 

Corredores e corredoras de todas partes de Galicia encherán o núcleo urbano de Ares na XXXIII edición da Milla Urbana do 9 de agosto, que xa está a pechar as últimas cuestións vencelladas coa súa organización. Así o debullaron esta semana a concelleira Lucía Blanco; Eva Martínez, da Federación Galega de Atletismo en Ferrol, e Javier Sánchez, técnico deportivo municipal, na presentación oficial da carreira na casa consistorial de Ares.

A Milla Urbana promoverase un ano máis no termo municipal, constatando as súas fortes raíces con máis de trinta anos organizándose na vila, e aglutinará a corredores e corredoras dende as categorías prebiberóns ata os adultos dende as 11:00 h. na Praza da Igrexa.

Así mantén o seu carácter interxeracional e adaptará os seus percorridos ás esixencias de cada idade, con 50 metros como distancia mínima ata os 1.600 m. de máxima.

O prezo de participación é de 3 euros para as categorías absolutas e totalmente de balde no resto. O proceso de inscrición xa está dispoñible vía telemática na páxina web www.carreirasgalegas.com até o domingo,3 de agosto, ás 23:59 h.

Tras rematar a reserva de praza, establecerase a recollida de dorsais o xoves, 7, e o venres, 9 de agosto, entre as 9:00 e 13:00 horas na Alianza Aresana, ou o sábado na Praza da Igrexa media hora antes do comezo de cada proba.

A XXXIII Milla Urbana Concello de Ares pertence ao XI Circuíto Provincial de Carreiras da Deputación da Coruña e ten condición de proba oficial da Federación Galega de Atletismo.

Regulamento Milla Urbana 2025 en PDF

 

Pódeche interesar