‘Cruza sen mirar’, un proxecto para tender pontes entre dúas emigracións de Ares: a retornada e a que chega

Comparte esta nota de prensa

  • O Concello e Tarabela Creativa, coa colaboración da Agrupación Instrutiva de Caamouco, impulsarán esta iniciativa que pretende poñer en diálogo aos dous colectivos cun videopodcast baseado en entrevistas e un talk show.
  • Durante os vindeiros meses, o equipo de Tarabela Creativa estará na vila para xerar un diálogo que aborde a complexidade do fenómeno migratorio contemporáneo botando unha ollada ó pasado e presente de Ares.

 

A concelleira de Cultura, Alma Barrón; Carmen Conde e Diego Gallego, de Tarabela Creativa, e Ernesto López, en representación da Agrupación Instrutiva de Caamouco, presentaron esta semana un novo proxecto que analizará a migración contemporánea de Ares.

Cruza sen mirar’ é a proposta que se desenvolverá ao longo dos próximos meses no municipio e que ten como obxectivo “poñer en diálogo a emigración galega retornada e a emigración que chega dende distintos lugares do mundo a Ares, Santa Comba e Culleredo”, en palabras de Carmen Conde, establecendo pontes entre os que marcharon no pasado e as persoas migrantes do presente, que buscan o seu oco na sociedade aresá.

A iniciativa, premiada no I Certame ‘Fondo de apoio a proxectos culturais singulares para a mellora social 2025’ da Deputación da Coruña, conlevará un traballo de diálogo social e procurará construír unha memoria migrante do territorio sabendo da súa complexidade, feita por moitas realidades.

FORMATOS DO PROXECTO

Dous serán os principais formatos que se desenvolverán baixo o paraugas de Cruza sen mirar. O primeiro deles abrangue a creación dun videopodcast con entrevistas individuais a diferentes axentes vencellados co fenómeno migratorio na vila de Ares, con capacidade de analizar o pasado e intervir no presente do que acontece neste eido no municipio. O videopodcast terá un formato dinámico e estará dispoñible o 17 de setembro, tendo en conta que xa arrancou o proceso de gravación este pasado luns.

O segundo elemento que integra o proxecto adquire condición de talk show, un evento presencial que se organizará o 15 de decembro en Ares e que contará cunha multitude de perfís para falar abertamente das persoas emigrantes retornadas e migrantes aresáns da actualidade, conectando as súas experiencias vitais: dende unha experta psicóloga para contextualizar o impacto da identidade no feito de emigrar a unha narradora oral uruguaia –Soledad Felloza– unha poeta de Bombay, India, –Yamina Teresa Prabhu Barretto–,  mediadores culturais, traballadores sociais… e os propios veciños e veciñas que participan das entrevistas do videopodcast.

O talk show non esquecerá ó público escolar e terá unha sesión específica de mañá para o estudantado, mais tamén unha segunda en horario de tarde-noite aberta a toda persoa interesada no proxecto. De feito, haberá unha intérprete en linguaxe de signos, Chusa Pérez de Vallejo, para garantir o carácter inclusivo do evento.

Así, tecerase unha memoria emocional do migrante de Ares, sempre a partir da construción de puntos de conexión e reflexión e coa vocación de tender lazos entre colectivos.

Ademais do Concello de Ares, o proxecto conta co patrocinio do Concello de Culleredo e de Santa Comba e a colaboración da Agrupación Instrutiva de Caamouco, o Patronato Concepción Arenal, a ONG Mestura e a ONGD Ecos do Sur.

 

Pódeche interesar