As crianzas que forman parte do ConciliAres, o programa de conciliación laboral e familiar do Concello, adentráronse esta mañá no interior do consistorio para comprobar de primeira man como son as súas instalacións e que se fai nelas, amais de coñecer a algunhas das persoas que constitúen a institución local.
Preto de 30 nenos e nenas foron recibidos polas concelleiras Victoria Montenegro e Lucía Blanco, amais da técnica de Servizos Sociais Lucía Regueira, para ensinarlles a casa consistorial e explicarlles, entre outras cousas, que acontece nun salón de plenos, como é a actividade diaria no Concello e que fan nos diferentes departamentos municipais.
Sentados nas bancadas de equipo de goberno e oposición, as crianzas tamén formularon as súas dúbidas ás edís: dende como estar en contacto co concello ao proceso no que se toman as decisións no goberno local, como se vota, como funciona a recollida de lixo, que posibilidades hai de ampliar as pistas deportivas e de xogo… todo isto antes de continuar coa súa actividade no ConcilIAres.
Grazas e até a próxima visita!