- Concello e Fundación Esplai organizarán na Casa da Xuventude sesións para os rapaces de 9 a 13 anos de dúas horas, todas elas orientadas a tecnoloxías dixitais: programación, robótica, intelixencia artificial…
- A iniciativa producirase do 6 de outubro ao 22 de decembro e terá o seu proceso de inscrición aberto até o 22 de setembro.
A Aula CeMIT da Casa da Xuventude de Ares contará ao longo deste peche de 2025 cunha programación extraescolar destinada á rapazada, froito da colaboración entre o Concello e a Fundación Esplai, totalmente de balde.
Baixo o nome ‘CRI-TIC: Infancia e xuventude con criterio dixital’, os mozos e mozas poderán aprender sobre tecnoloxía de forma segura, creativa e divertida do 6 de outubro ao 22 de decembro. Entre os módulos de contido haberá espazo e tempo para falar do emprego consciente e responsable das tecnoloxías, mais tamén afondar en cuestións de programación, robótica, intelixencia artifical, ciberseguridade ou realidade virtual; unha panorámica completa para entender a complexidade tecnolóxica do noso presente.
As sesións destínanse á mocidade de 9 a 13 anos, divididos en 12 prazas por grupo:
- Grupo 1: Luns, 16:00 a 18:00 h.
- Grupo 2: Mércores 16:00 a 18:00 h.
O proceso de inscrición atópase xa aberto ata o 22 de setembro, inclusive, tendo que contactar vía e-mail con irene.ferreira@fundacionesplai.org especificando inicialmente nome e apelidos, idade e concello onde se atopa empadroado/a o mozo/a.
Aprende, experimenta e divírtete no mundo dixital!