O proxecto “Cruza sen mirar”, deseñado para pensar a migración de Ares, desvela o seu videopódcast

Comparte esta nota de prensa

  • Os veciños Rogelio Ríos, Dioma Diouf e Ernesto López Naveiras dialogan arredor do proceso migratorio, interconectando a emigración galega retornada e a que chega á vila.
  • O equipo de Tarabela Creativa vén de publicar a conversa íntegra na súa canle de Youtube, co patrocinio do Concello de Ares.

 

Un diálogo entre a emigración de Ares no pasado e a inmigración no presente: así presentaron dende Tarabela Creativa o seu videopódcast, recentemente publicado e inscrito no seu proxecto ‘Cruza sen mirar’, que conta co apoio económico dos Concellos de Ares, Santa Comba e Culleredo para pensar colectivamente o proceso migratorio galego.

O videopódcast senta a Rogelio Ríos, fillo de emigrantes galegos nado en Cuba e veciño de Ares, Dioma Diouf, veciña de orixe senegalés, e Ernesto López Naveiras, estudoso local sobre a memoria migratoria de Redes, para abordar ese diálogo entre o migrante retornado e quen chega á sociedade aresá na procura dun espazo no que medrar e desenvolverse.

Coa estreita colaboración da Concellaría de Cultura e  da área de Servizos Sociais, ‘Cruza sen mirar’ desenvolveu no municipio un traballo de diálogo social, procurando construír unha memoria migrante do territorio e efectuando diferentes entrevistas con axentes locais que estudan, participan ou afondan nela.

EVENTO PRESENCIAL EN DECEMBRO

A maiores deste videopódcast, ‘Cruza sen mirar’ tamén promoverá un evento presencial baixo o formato de talk-show, conectando experiencias vitais e análises arredor da migración dende diferentes perspectivas.

Será o 15 de decembro, cando se achegarán á Alianza Aresana unha experta psicóloga para contextualizar o impacto da identidade no feito de emigrar;  unha narradora oral uruguaiaSoledad Felloza–; unha poeta de Bombay, (India) –Yamina Teresa Prabhu Barretto–; mediadores culturais; traballadores sociais… e os propios veciños e veciñas que participan das entrevistas do videopodcast.

Así, tecerase unha memoria emocional do migrante de Ares, sempre a partir da busca de puntos de conexión e reflexión e coa vocación de tender lazos entre colectivos.

Ligazón do videopódcast completo: https://www.youtube.com/watch?v=tZOeTHL4NtE.

 

Pódeche interesar