Principian os traballos para a rehabilitación parcial do Mosteiro de Santa Catalina cun investimento de case tres millóns de euros

Comparte esta nota de prensa

  • Tras asinar hoxe a acta de replanteo, a empresa adxudicataria Obras Gallaecia comezará a vindeira semana coa andamiaxe e catas iniciais neste tesouro patrimonial de Ares.
  • O proxecto de rehabilitación parcial contempla intervencións nas cubertas, os claustros, os retablos, as pinturas murais, os aseos ou as carpinterías, contribuíndo a salvagardar o inmoble declarado como Ben de Interese Cultural (BIC).
  • A reforma sufrágase cunha subvención do Goberno de España, a través do Programa de Mellora de Competitvidade e Dinamización do Patrimonio con uso turístico, sendo Ares 1 das 79 administracións de todo o Estado beneficiarias desta liña de apoio económico.

 

Unha das xoias arquitectónicas da comarca de Ferrolterra, o Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro, recibirá un impulso fundamental para a súa conservación grazas ao proxecto de rehabilitación parcial que está a piques de comezar nos vindeiros días, mobilizando un investimento de 2.999.998 euros.

De feito, esta mesma mañá, no claustro do cenobio declarado como Ben de Interese Cultural (BIC), o alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo, xunto coa concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos; o director de obra e autor do proxecto de reforma, Mario Crecente; o representante de Obras Gallaecia, a empresa adxudicataria, Javier Loureiro, e a directora de execución e coordinadora de seguridade, Ana Gallego, asinaron a acta de replanteo que certifica a viabilidade da intervención, o último paso que ficaba pendente antes do inicio das obras.

Así, a empresa Gallaecia principiará dende o martes co proceso de catas e de andamiaxe do Mosteiro, materializando estes traballos que se sufragan grazas á liña de subvención do Ministerio de Industria e Turismo, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que acadou o Concello de Ares.

Este investimento de preto de 3 millóns de euros permitirá acometer obras de maior envergadura no enclave, partindo da estratexia de dignificación e posta en valor que leva aplicando o goberno local ao longo das últimas lexislaturas.

Deste xeito, efectuaranse traballos en diferentes áreas e elementos do cenobio aresán: realizarase unha substitución completa da cuberta e a actualización da rede de pluviais; repararanse e substituíranse carpinterías; promoveranse melloras da accesibilidade, o aillamento térmico e a eficiencia enerxética en múltiples espazos do Mosteiro, como é o caso da sala principal e a antesala, os aseos, a biblioteca ou a contorna do bar; restaurarase o retablo e as pinturas murais; aplicaranse melloras na iluminación exterior e mesmo haberá intervencións paisaxísticas no espazo público exterior do inmoble, de cara a impulsar a súa potencialidade para o uso e desfrute da veciñanza e visitantes.

TRES OBXECTIVOS PRINCIPAIS

A intervención para materializar os case tres millóns de euros que recibiu a localidade deseñouse baseándose en tres obxectivos chave: salvagardar o Mosteiro garantindo a súa estanqueidade, tendo en conta as problemáticas xeradas polas filtracións de auga; consolidar, mellorar e facilitar a conservación do inmoble; e potenciar este espazo destacado da península de Montefaro, ao dignificar un dos tesouros patrimoniais de Ares.

Con todo, as obras no mosteiro poñeranse  en relación co xa executado ao longo dos anos por parte do Concello no inmoble BIC: primeiro acondicionouse a sala coñecida como Cabido, aos pés da nave da Igrexa, para empregalo como un Centro de Interpretación; posteriormente rehabilitouse a cuberta e interior da cociña do Mosteiro e, xa nas anualidades de 2023 e 2024, incorporouse unha rede de iluminación ornamental nocturna para contribuír á dinamización turística do cenobio.

E a este conxunto de intervención é preciso sumar o traballo que se está a realizar  dende o Concello no Plan Especial de Protección de Montefaro e Punta Coitelada –actualmente en estado de tramitación–, un documento de planificación estratéxica para protexer e rexenerar a paisaxe de toda esa área regulando o tráfico rodado, os empregos do chan ou a delimitación das infraestruturas.

 

Pódeche interesar