- O Concello organiza esta proposta o vindeiro venres, 28 de novembro, a partir das 18:30 h. no salón de actos da Alianza Aresana.
A compañía teatral Os Quinquilláns desembarcará este 28 de novembro na Alianza Aresana (18:30 h.) para adaptar, cunha retranca que mestura traxedia e comedia, a obra ‘Cousas’, de Castelao, no marco do acto que programa a Concellaría de Cultura de Ares.
Empregando o humor como elemento expresivo, farán unha divertida versión dalgúns dos corenta e cinco relatos breves satíricos que integran a obra do rianxeiro, mais mantendo as grandes temáticas que a caracterizan: a emigración, a xustiza social, a ecoloxía, a solidariedade…
Un xeito de achegarse así á visión da sociedade da época de Alfonso R. Castelao nun ano, este 2025, no que se celebra o seu 75 cabodano, conmemorando a súa memoria e legado sabendo que é, en esencia, un dos fundadores da Galicia contemporánea.
O evento inscríbese na Rede Cultural da Deputación da Coruña.

