O CPI As Mirandas estrea novo mobiliario de material reciclado

Comparte esta nota de prensa

  • Grazas ao esforzo na reciclaxe de botellas de plástico que vén de desenvolver neste 2025 o alumnado do centro educativo, a Concellaría de Medioambiente instalou alí un banco e papeleiras feitos cos residuos recollidos.
  • A acción inscríbese dentro da campaña de sensibilización medioambiental ‘Senta con nós’ que impulsou o Concello e o CPI, facendo que as accións do estudantado en materia de reciclaxe teñan un impacto directo no seu espazo máis próximo.

 

As instalacións educativas do CPI As Mirandas xa contan dende hoxe con novo mobiliario urbano en estreita relación coa acción de reciclaxe da rapazada durante estes últimos meses.

Os operarios do Concello instalaron esta mañá o banco e a papeleira da campaña medioambiental ‘Senta con nós’, que convidou ao estudantado a reciclar as botellas de auga e os tapóns de plástico para, con todo o recollido, materializar estes dous elementos.

Xa o anticipaba o eslogan da iniciativa promovida entre a Concellaría de Medioambiente e o mesmo centro educativo, presentada en febreiro deste ano: “Recicla hoxe, séntate mañá”, un lema que aludía á relevancia de facer esforzos na reciclaxe no presente para que, a medio-longo prazo, se poidan ver os efectos destas accións na nosa contorna.

Lucía Blanco, edila de Medioambiente de Ares, acudiu ata o CPI As Mirandas durante a instalación do mobiliario xunto coa directora do centro, María Calvo Rodríguez, e salientou “a boa acollida que tivo a campaña entre o alumnado, con 150 quilos recollidos nestes meses. A súa involucración foi e é chave para facer da vila un lugar máis sostible hoxe e no futuro”.

Ademais, a concelleira informou que “continuaremos coa campaña no CPI As Mirandas para conseguir máis mobiliario urbano baseado en material reciclado que poidamos instalar no centro educativo”.

A maiores da recollida de botellas, Senta con nós tamén repartiu 450 marcapáxinas entre o estudantado para divulgar a campaña medioambiental entre as familias aresáns.

 

Pódeche interesar