Encontro arredor do cenobio aresán e a súa rehabilitación parcial no consistorio

Comparte esta nota de prensa

  • O Concello, a dirección de obra e a asociación Amigos do Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro mantiveron unha reunión para analizar as liñas de investigacións desenvoltas até o de agora no cenobio e as posibilidades do futuro para dignificar este Ben de Interese Cultural (BIC).
  • Tamén se contextualizaron as solucións construtivas que se aplicarán sobre o Mosteiro, no marco da rehabilitación parcial que supón un investimento de 3 millóns de euros.

 

O alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo, e a a concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, recibiron onte aos representantes da Asociación de Amigos do Mosteiro de Santa Catalina e a Mario Crecente, o autor do proxecto de reforma parcial do cenobio aresán e director das obras, para dar conta da situación actual no tocante ás investigacións arredor deste inmoble declarado Ben de Interese Cultural (BIC).

Durante o encontro, Crecente realizou un percorrido polas principais investigacións impulsadas até o de agora, e tamén debullou as liñas de traballo investigador que se abren a partir da intervención de rehabilitación parcial que se está a executar no mosteiro, cun investimento de 3 millóns de euros.

Todo este proceso de diagnose e análise da evolución histórica do cenobio, así como do seu valor actual dende o eido cultural, patrimonial e turístico, son fundamentais á hora de dignificar o BIC e materializar intervencións como a rehabilitación parcial, que efectuará traballos en múltiples espazos do mosteiro: na substitución completa da cuberta e a actualización da rede pluviais, nas carpintarías, na accesibilidade, aillamento térmico e eficiencia enerxética… entre outras.

Na reunión celebrada onte, tamén se puxo en valor a relevancia do Plan Director, o documento estratéxico que dotou dunha visión de conxunto sobre a situación do Mosteiro, as súas necesidades e patoloxías, o seu estado de conversación e a priorización por orde de importancia das actuacións que precisou e precisa no futuro.

A macroanálise efectuada no Plan Director permitiu ao goberno local executar intervencións de xeito progresivo, como foi o caso do acondicionamento do Cabido para empregalo a modo de Centro de Interpretación, así como a rehabilitación posterior da cuberta e interior da cociña do cenobio e, xa en 2023 e 2024, a incorporación dunha rede de iluminación ornamental nocturna para contribuír á dinamización do mosteiro.

 

Pódeche interesar