O Concello conclúe coa renovación da cuberta e toda a envolvente do edificio de Servizos Sociais

Comparte esta nota de prensa

  • A infraestrutura que tamén acolle ao Centro de Información á Muller (CIM) amosa novo aspecto, mais sobre todo mellora en termos de eficiencia enerxética, ao impulsar o aillamento térmico no tellado e nas fachadas, amais de instalar novas carpintarías e vidros.
  • As obras executáronse en dous proxectos, sumando ambos un importe total de preto de 200.000 euros, impostos incluídos.
  • Autoridades do Concello e da Xunta de Galicia, a través da súa delegación territorial e a dirección xeral contra a violencia de xénero, visitaron esta mañá as instalacións.

 

O edificio que centraliza a actividade dos Servizos Sociais de Ares, xunto co Centro de Información á Muller (CIM) municipal, xa conta con toda unha nova infraestrutura en materia de eficiencia enerxética, despois das obras que se veñen de executar nas súas instalacións e que remataron nestes últimos días.

De feito, o alcalde de Ares, Julio Ignacio Iglesias Redondo, acompañado polas concelleiras de Urbanismo, Olimpia Marcos, e de Igualdade, Victoria Montenegro, amais da directora do CIM aresán, Laura Toimil Bujones, comprobaron esta mañá o resultado das intervencions xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o director xeral de loita contra a violencia de xénero, Roberto Barba.

Os traballos focalizáronse no impulso do aillamento térmico en xeral, inicialmente na cuberta do edificio, que se repuxo totalmente incorporando paneis de poliestireno, pracas de fibrocemento e unha cobertura de tellas de cerámica curva. Un investimento de 58.107,89 euros que contou cun préstamo do Instituto Galego da Vivenda e Solo como apoio ao financiamento.

Mais a intervención non ficou só aí, senón que tamén implicou a mellora da envolvente térmica, as carpintarías exteriores e o aillamento das fachadas incorporando o SATE, un sistema construtivo empregado para mellorar a eficiencia enerxética do edificio, incrementar o confort interior no inverno e no verán e reducir as pontes térmicas, ao tempo que evita condensacións e humidades interiores.

De xeito complementario a este conxunto de actuacións a prol da eficiencia enerxética, substituíronse as varandas en mal estado por unhas novas de aceiro inoxidable e renováronse os canalóns e baixantes.

O orzamento dos traballos relativos á envolvente mobilizou 136.446,52 euros, asumidos no 100 % pola Consellería de Política Social e Igualdade.

Coa finalización das intervencións, a área de Urbanismo puxo en valor “a estratexia desenvolta progresivamente en Ares dende o Concello no eido da eficiencia enerxética, unha planificación que impacta positivamente nos edificios municipais con rehabilitacións substanciais de carácter verde”.

Ademais, dende o goberno local salientouse que “o edificio de Servizos Sociais e do CIM súmase a outras melloras como a reforma do pavillón polideportivo, que mobilizou medio millón de euros; os vestiarios do Numancia ou mesmo o local social do Outeiro, renovado este mesmo 2025 cun proxecto de máis de 100.000 euros”.

 

Pódeche interesar