Entre os 200 nenos e nenas de entre 6 a 11 anos, pertencentes ás categorías de prebenxamín, benxamín, alevín e infantil, que se sumaron ao torneo do Concello de Narón, tamén houbo representación de Ares grazas á participación das 6 rapazas que forman parte da Escola Municipal de Voleibol.
Con equipos convidados de Lugo, Pontedeume e Cervo, o pavillón da Solaina foi o escenario este sábado pasado dunha cita xa consolidada no calendario deportivo deste fin de ano, organizado polo Club de Voleibol Narón Volea –que tamén coordina a escola aresá.
Para as nenas de Ares supuxo a primeira toma de contacto nunha proba destas características, nunha experiencia enriquecedora e onde poden entrar en contacto con equipos doutros rincóns de Galicia.
Dende a Concellaría de Deportes resaltan a relevancia de “continuar incentivando o voleibol na vila e entre a rapazada”, aumentando así a oferta municipal para a práctica deportiva da mocidade.





