O Concello reforza os Servizos Sociais de Ares grazas á achega de 250.000 euros procedente da Deputación

Comparte esta nota de prensa

  • Do total da subvención concedida polo ente provincial, a Concellaría de Benestar recibirá 210.000 euros para incrementar ata as 15.000 horas o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) Básico, namentres que o importe restante se adicará a solventar as necesidades do departamento a través de financiamento de persoal.
  • Victoria Montenegro, edila de Benestar: “entendemos a relevancia do SAF como unha forma de facilitar a vida e a vellez en Ares, e por iso somos xa un dos concellos con menos de 20.000 habitantes que máis horas presta deste servizo na provincia da Coruña”.
  • O SAF de Ares en datos: supera as 60.000 horas de servizo ao ano, contabilizando a modalidade de Dependencia, e beneficia a cerca de 170 usuarios, consolidándose como unha “rede de coidados sólida con impacto directo no benestar da veciñanza”.

 

Ares contará cun investimento de 250.000 euros da Deputación da Coruña para impulsar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e o propio departamento municipal de Servizos Sociais. Un apoio que permitirá incrementar ata as 15.000 horas de prestación na modalidade básica e atender as necesidades de persoal nesta área.

Así o anunciou a edila de Benestar, Victoria Montenegro, tras recibir a concesión do FOPPS (Programa de Financiamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais) da institución provincial. Montenegro contextualizou a nova como “unha constatación de que somos o concello de toda a provincia de A Coruña de menos de 20.000 habitantes que presta máis horas de Servizo de Axuda do Fogar (SAF) no programa básico”.

Dende a Concellaría de Benestar salientan a relevancia do SAF en Ares, máis aínda nunha sociedade cunha tendencia demográfica que camiña cara o avellentamento estrutural. “Sabemos o importante que é atender ás persoas maiores ou dependentes, que poidan estar cerca das súas familias, nunha contorna coñecida e con certa autonomía. O SAF é un instrumento chave de acompañamento e coidado para os usuarios e usuarias, mais tamén para os que o rodean, que sufren igualmente un desgaste mental e emocional”, expuxo Victoria Montenegro.

En termos cuantitativos, o SAF de Ares achega máis de 60.000 horas de servizo ao ano, sumándolle ás de modalidade básica todas aquelas que se prestan no programa de Dependencia —47.150 horas/ano—. Establécese así unha “rede de coidados sólida, con impacto directo no benestar da veciñanza dentro da súa cotiandade, e que cobre as necesidades de preto de 170 persoas usuarias”.

Do total da subvención concedida pola Deputación neste FOPPSS 2026, 210.000 euros estarán centrados especificamente no impulso do SAF, namentres que 40.000 euros se adicarán ó propio Departamento de Servizos Sociais Municipais a través de financiamento para o seu persoal.

 

 

Pódeche interesar