A Alianza Aresana acollerá a presentación literaria de ‘Los crímenes de las termas’, de Elizabeth Norlam

Comparte esta nota de prensa

A Concellaría de Cultura propón nestes primeiros compases de abril unha nova presentación no salón de actos da Alianza Aresana, desta volta protagonizada pola última novela da escritora Elizabeth Norlam, ‘Los crímenes de las termas’ (2025).

A autora conversará coa edila de Cultura, Alma Barrón, o vindeiro venres, 10 de abril, a partir das 19:30 h. para achegar á veciñanza a última obra da denominada como serie ‘Sucedió en Galicia’, unha investigación que destapará desavinzas e historias pasadas dos habitantes da Cesteira e da Caneliña.

Así, a novela de Elizabeth Norlam levará aos seus lectores ao compás do sarxento Ben Andrade e o seu equipo da Garda Civil, encargados de descubrir quen está detrás do asasinato acontecido nunha casa de baños da contorna. Ao tempo que se produce a investigación, o sarxento deberá lidiar coa familia e a veciñanza das dúas vilas, dispostas a intervir no proceso policial para axudar.

SOBRE A AUTORA

Elizabeth Norlam, actualmente residente en Mugardos, é licenciada en Ciencias Políticas e correctora profesional de textos. Incursionou no xénero da novela con ‘Los crímenes del faro’, seguida por ‘Los crímenes del pazo’ e ‘Los crímenes del camino’, todas elas obras inscritas na serie ‘Sucedió en Galicia’, ao que se lle suma esta última historia.

Tamén escribiu ‘Enfrentados’, ‘La Dama de Fariland’, ‘Santa Bárbara’ e ‘Tempos escuros (Wildered)’, dentro do romance histórico e a fantasía, amais de publicar un recopilatorio de relatos baixo o título ‘Historias cortas’.

 

Pódeche interesar