O Concello impulsa unha nova campaña de sensibilización para fomentar a recollida das deposicións dos cans

Comparte esta nota de prensa

  • A área de Medioambiente vén de coordinar a instalación de sinaléctica no núcleo urbano de Ares, en áreas que xa presentan esta problemática, e tamén comeza dende hoxe a repartir 200 dispensadores de bolsas totalmente de balde na casa consistorial.
  • Lucía Blanco, concelleira de Medioambiente: “como xa fixemos en 2022 e 2025, promovemos unha nova campaña destinada a concienciar aos propietarios de mascotas; cun xesto que apenas nos quita tempo, podemos mellorar moito a convivencia entre a veciñanza e coidar máis os espazos compartidos de Ares”.

 

A edila de Medioambiente, Lucía Blanco, presentou hoxe as accións desenvoltas na última campaña de concienciación destinada a establecer boas condutas entre os propietarios de mascotas da vila.

“Ao longo destes días, instalamos novas sinais en quince ubicacións no núcleo urbano, en puntos críticos, para lembrar a relevancia de recoller as deposicións dos cans á hora de fortalecer a convivencia entre a veciñanza e coidar os espazos comunitarios, e tamén comezamos esta mañá co reparto de 200 dispensadores de bolsas no consistorio de Ares, totalmente de balde para a veciñanza”, salientou Blanco.

A concelleira tamén recordou que “non é a primeira vez que incidimos na importancia da corresponsabilidade para recoller as deposicións das mascotas: tamén en 2022 e 2025 materializamos campañas nesta mesma liña, con contidos dixitais, cartelería e mesmos repartos de dispensadores, co foco posto en facilitar a redución da problemática”.

De igual maneira, a nova sinalización expón a obrigatoriedade da limpeza das deposicións en Ares, como se estipulou na ordenanza municipal que impulsou a Concellaría de Medioambiente en 2020, na que se contemplan sancións económicas de entre 100 a 500 euros polo seu incumprimento.

No relativo á execución da campaña, “prevemos actuar sobre cinco ubicacións máis, con impacto nas zonas de máis tránsito nas parroquias, elevando o seu número até os 20 puntos con nova sinaléctica”, concluíu Lucía Blanco.

 

Pódeche interesar