O Concello de Ares acolle na Casa da Xuventude a exposición fotográfica “Anhelos”, centrada na deconstrución da masculinidade tradicional

Comparte esta nota de prensa

A mostra poderá visitarse do 18 de maio ao 8 de xuño e contou no acto de presentación coa participación de Patricia González, traballadora social e coordinadora do proxecto, e de Laura Toimil, psicóloga e directora do CIM de Ares

A Casa da Xuventude de Ares acolle nestas semanas a exposición fotográfica “Anhelos. Deconstrución da masculinidade tradicional”, unha proposta artística e de reflexión social que chega ao municipio cedida polo Concello de Sober, institución promotora da iniciativa.

“Anhelos” parte da necesidade de promover unha reflexión crítica sobre a identidade masculina e sobre a capacidade de transformación social dos homes, facendo fincapé en como o proceso de socialización sitúaos baixo un modelo dominante de masculinidade tradicional, asentado e reforzado por un sistema patriarcal.

Este modelo funciona a través de mandatos sociais que condicionan a forma de ser e de actuar dos homes, limitando a súa liberdade e dificultando tamén o establecemento de relacións xustas e igualitarias coas mulleres.

A iniciativa propón unha reflexión sobre a necesidade de deconstruír ese modelo de masculinidade dominante e de xerar novas formas de relación baseadas en vínculos máis libres e afastados dos patróns sociais herdados, promovendo así unha autocrítica colectiva cara esta construción social da masculinidade.

A exposición está composta por unha serie de fotografías realizadas pola artista María Fernández, que retrata a homes e mulleres non profesionais en distintas escenas que invitan á reflexión sobre os roles de xénero e as identidades.

A través desta proposta visual, o proxecto busca abrir un espazo de pensamento crítico e transformación social arredor das relacións entre homes e mulleres.

Dende o Concello de Ares salientan a importancia de impulsar actividades culturais e de sensibilización que favorezan o diálogo social e a igualdade, especialmente entre a mocidade, promovendo espazos de reflexión colectiva arredor da construción das identidades e das relacións sociais.

A exposición poderá visitarse no horario habitual de apertura da Casa da Xuventude do 18 de maio ao 8 de xuño.

Pódeche interesar