Ares propón un obradoiro interxeracional para pensar os modelos de masculinidade e feminidade nas redes sociais

Comparte esta nota de prensa

  • O Centro de Información á Muller (CIM) municipal, xunto coa Deputación da Coruña, impulsan esta iniciativa o vindeiro luns, 15 de xuño, de 11:00 a 12:30 h., na Alianza Aresana, con entrada libre.
  • Diríxise a un público diverso, dende profesorado a pais e nais, rapazada, grupos de mulleres, entidades sociais… calquera persoa interesada en comprender mellor como operan hoxe os discursos de xénero nas contornas dixitais.

 

As redes sociais forman parte da nosa vida cotiá: informámonos, comunicámonos, construímos identidade e tamén aprendemos  modelos sobre o que significa ser home, ser  muller, relacionarse ou ocupar un lugar no mundo.

E precisamente para analizar este fenómeno tan complexo, o CIM de Ares organiza, da man da Deputación da Coruña dentro da campaña DE FRONTE á violencia de xénero, un obradoiro centrado nos discursos sobre feminidade e masculinidade que se reproducen nas redes sociais.

A iniciativa propón así un espazo participativo para pensar os novos discursos, estéticas e referentes dixitais arredor da masculinidade e  da feminidade, e reflexionar sobre o impacto que teñen na construción das identidades e na reprodución das violencias machistas.

A través dunha metodoloxía dinámica e accesible, achegaranse ás tendencias e comunidades presentes na contorna dixital actual: desde a chamada manosfera e certas masculinidades reactivas ata novas  estéticas femininas como tradwife, that girl ou coquette. Será un xeito de identificar as mensaxes que poden promover unha volta a modelos tradicionais de xénero, reforzar estereotipos ou normalizar formas sutís de control e desigualdade.

A actividade combina pequenas achegas de contido con dinámicas de  reflexión individual e colectiva, xogos e propostas creativas. O  obxectivo é xerar un espazo coidado no que recoñecer estes discursos,  poñelos en diálogo coa experiencia cotiá e fortalecer unha mirada  crítica, igualitaria e libre de violencias.

O obradoiro está dirixido a públicos diversos: profesorado, ANPAS,  rapaces e rapazas a partir de 13 anos, asociacións feministas, grupos  de mulleres, entidades sociais, persoal técnico e calquera  persoa interesada en comprender mellor como operan hoxe os discursos de xénero nas contornas dixitais.

Esta proposta enmárcase na campaña DE FRONTE á violencia de xénero,  o programa de actividades impulsado pola Área de Igualdade da  Deputación da Coruña para desenvolver accións de sensibilización e prevención das violencias machistas, promovendo a implicación dos concellos e do tecido social e asociativo da provincia.

Pódeche interesar