- A OIT permanecerá operativa até outubro con información sobre actividades culturais, deportivas e de lecer, rutas de sendeirismo, patrimonio mariñeiro ou a pegada indiana do municipio.
- Entre os servizos previstos inclúese a atención ao público no alboio de Redes e a posta en marcha do sistema municipal BicicletAres.
O Concello de Ares xa ten en funcionamento a súa Oficina de Información Turística (OIT), un servizo destinado a orientar a quen o precise durante a tempada de verán arredor da oferta cultural, patrimonial e de ocio existente na vila.
Dende este pasado 9 de xuño, a OIT ofrece información actualizada sobre os principais recursos turísticos do municipio, así como atención personalizada para descubrir os atractivos naturais, históricos e paisaxísticos de Ares. A oficina permanecerá aberta até o mes de outubro, inclusive.
O horario de atención será de luns a venres de 10:00 a 13:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas, mentres que os sábados, domingos e festivos abrirase de 10:00 a 14:00 horas e tamén en horario de tarde, de 17:00 a 20:00 horas.
Entre os contidos e servizos que se divulgarán dende a OIT figura a programación lúdica, cultural e deportiva do verán, amais da promoción dos ‘Camiños de Ares’, as rutas de sendeirismo que permiten coñecer o municipio dende a práctica deportiva e o contacto coa contorna natural.
Tamén se divulgará a forte pegada indiana existente na vila, o patrimonio vinculado ao mar e á tradición mariñeira ou os principais espazos de interese turístico do municipio, resolvendo dúbidas e atendendo as peticións das persoas visitantes.
No marco das actividades estivais, tamén se instalará un punto de atención ó visitante no alboio de Redes os martes e venres pola mañá do 1 de xullo ao 1 de setembro, ampliando os contidos da mostra fotográfica do seu interior, coa excepción da primeira quincena de agosto, período no que a Agrupación Instrutiva de Caamouco impulsará unha exposición tematizada arredor dos faros.
Ademais, está prevista a próxima activación do servizo municipal ‘BicicletAres’, pensado para facilitar o alugueiro de bicicletas e fomentar unha mobilidade sostible e cómoda aproveitando a configuración plana do núcleo urbano.
Para máis información, a cidadanía pode contactar coa Oficina de Información Turística no teléfono 981 468 259.


