- Actuando sobre un treito de aproximadamente 75 metros, executouse un novo sistema de drenaxe transversal, instalouse unha barreira rústica para a protección peonil e tamén se reconstruiu o firme mediante unha solución integrada paisaxisticamente na contorna.
- Partiu dun orzamento de 48.400 euros aproximadamente, co apoio económico da Deputación da Coruña.
A área de Urbanismo municipal vén de notificar o remate das obras que se estaban a acometer nun tramo do vial histórico que se estende entre o Castelo da Palma e as antigas baterías militares situadas nas proximidades da Punta San Martiño.
O proxecto recentemente finalizado permitiu recuperar así as condicións de seguridade dun itinerario patrimonial e paisaxístico moi transitado por veciñanza, visitantes e sendeiristas en xeral.
A actuación orientouse, amais de realizar rozas e retiradas de vexetación, na execución dun novo sistema de drenaxe transversal mediante un paso salvacunetas, a instalación dunha barreira rústica de protección lateral integrada na paisaxe, de cara a evitar caídas cara ás cotas inferiores do litoral, e a reconstrución do firme, moi deteriorado, empregando unha base compactada, xeotéxtil e cun pavimento terrizo de xabre granítico e cemento.
Este conxunto de traballos actuaron sobre un treito de 75 metros de lonxitude que presentaba áreas erosionadas, acumulación de sedimentos, problemas de drenaxe e lameiros, obtendo así unha mellora do tránsito peonil e do acceso de vehículos de mantemento ou de emerxencias, no caso de precisarse.
Con todo, o proxecto materializou solucións que respectan o valor patrimonial e ambiental deste vial de carácter histórico, que forma parte do sistema defensivo da ría de Ferrol coñecido como o ‘Triángulo de fogo’, servindo de conexión entre postos de vixilancia, fortificacións e elementos militares da costa. Por iso mesmo os traballos evitaron solucións asfaltadas ou urbanas, co foco posto en manter unha estética máis integrada paisaxisticamente.
A concelleira de Urbanismo, Olimpia Marcos, salientou que “esta nova intervención se suma a outras xa materializadas en eidos semellantes, impulsando a comunicación viaria e os accesos: melloramos a subida dende o convento de Santa Catalina ás baterías da Bailadora e tamén dende o camiño de Salgueiras ata as do Segaño, facendo realidade actuacións centradas na dignificación deste patrimonio de orixe militar”.
O investimento ascendeu a 48.400 euros, impostos incluídos, co apoio financeiro da Deputación da Coruña.



