A XXXIV Milla Urbana Concello de Ares celebrarase o vindeiro 8 de agosto

Comparte esta nota de prensa

  • A proba deportiva, de carácter oficial dentro da Federación Galega de Atletismo, desenvolverase dende as 11:00 h. na Praza da Igrexa e ao longo do paseo marítimo da vila.
  • As inscricións permanecerán abertas ata o domingo, 2 de agosto, ás 23:59 horas, a través da web carreirasgalegas.com

 

Ares volverá vivir unha das súas citas deportivas máis tradicionais coa celebración da XXXIV Milla Urbana Concello de Ares que terá lugar o sábado, 8 de agosto, dende as 11:00 horas, con saída na Praza da Igrexa e un percorrido ao longo do paseo marítimo da localidade.

A concelleira de Deportes, Alma Barrón, e o técnico municipal da área, Javier Sánchez, presentaron oficialmente esta nova edición da proba, que forma parte do calendario da Federación Galega de Atletismo e se integra tamén no XII Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña.

A carreira manterá o seu carácter interxeracional, abrindo a participación a corredores e corredoras de diferentes idades, dende as categorías de menor idade ata máster. O percorrido será totalmente chairo, disposto nun circuíto de ida e volta sobre o que se adaptarán as distancias correspondentes a cada categoría.

Así, as probas irán dende os 50 metros da categoría prebiberóns ata os 1.600 metros das categorías superiores, garantindo unha proposta deportiva accesible para a infancia, a mocidade e as persoas adultas.

No apartado de recoñecementos, ata a categoría prebenxamín incluída entregarase unha medalla a cada participante e non haberá clasificación oficial. A partir de benxamíns e ata máster 4, establecerase podio en cada categoría, tanto masculina como feminina, con medallas para os tres primeiros clasificados e clasificadas. Ademais, haberá trofeo para o gañador e a gañadora absoluta da proba, así como para o corredor ou corredora máis nova e máis veterana.

As inscricións realizaranse a través da páxina web https://www.carreirasgalegas.com/ e permanecerán abertas ata o domingo, 2 de agosto, ás 23:59 horas. O custo será de 3 euros a partir da categoría xúnior incluída e ata máster 4, mentres que no resto de categorías a participación será de balde.

A recollida de dorsais poderá realizarse o xoves 6 e o venres 7 de agosto, de 9:00 a 13:00 horas, na Alianza Aresana, ou o mesmo sábado no mesmo lugar ata media hora antes do comezo de cada proba. A organización lembra que non se poderán tramitar inscricións o día da carreira.

 

Pódeche interesar