O Concello de Ares incorpora por primeira vez Puntos Violetas nas festas

Comparte esta nota de prensa

O Concello de Ares, a través da Concellería de Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM), incorporou por primeira vez os Puntos Violetas ás festas de verán, co obxectivo de promover unhas celebracións seguras e libres de violencias machistas.

O dispositivo estivo presente o 2 de agosto, durante as Festas do Mar–Carme, e o 8 de agosto, con motivo das Festas de San Roque, en horario de 22:00 a 03:00 horas.

Os Puntos Violetas ofreceron información, sensibilización, prevención e atención especializada, con especial atención ás violencias sexuais, así como orientación sobre o consentimento, o respecto e os recursos existentes para facer fronte ás violencias machistas.

O servizo contou con dúas axentes de igualdade, combinando un Punto Violeta fixo cunha intervención móbil, para achegar a campaña ao conxunto das persoas asistentes, especialmente adolescentes e familias, e facilitar a atención ante posibles situacións de violencia.

Con esta iniciativa, o Concello de Ares reforza o seu compromiso coa igualdade, a prevención das violencias machistas e a creación de espazos festivos seguros.

Financiado con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, a través da Secretaría de Estado de Igualdade e para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres, no marco do Pacto de Estado en materia de Violencia de Xénero (2026).

Pódeche interesar