O Concello de Ares, xunto con ABANCA e Afundación, inaugurou esta mañá na Alianza Aresá a exposición «Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no século XX», unha mostra que recupera, a través da fotografía, a memoria de millóns de persoas que se viron obrigadas a abandonar a súa terra na procura dun futuro mellor.
O acto institucional contou coa presenza de Alma Barrón Ferro, concelleira de Cultura, Deportes, Mocidade e Patrimonio; Verónica Rego López, coordinadora de Relacións Institucionais de Afundación; José Manuel Vilariño Orgeira, coordinador institucional de ABANCA; e Luis Chillón García, director da oficina de ABANCA.
A mostra, que xa se puido visitar durante a pasada fin de semana con motivo do Ares Indiano, continuará aberta ao público na Alianza Aresá ata o 18 de setembro. Poderase visitar de luns a venres, de 09:00 a 14:00 horas.
Esta colaboración forma parte do proxecto «Corrente cultural», unha iniciativa que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo.
A exposición está composta por unha selección de corenta fotografías sobre a emigración, tanto española como galega, procedentes dos arquivos da Axencia EFE. O obxectivo é achegarnos a esa realidade histórica a través dunha síntese fotográfica das migracións, mediante a mirada profesional e humana dos fotoxornalistas da época.
As imaxes permiten recuperar unha parte fundamental da nosa memoria colectiva: a historia de «millóns de españois que tiveron que abandonar a súa terra para sobrevivir», en palabras de Miguel Ángel Gozalo, director da Axencia EFE entre 1996 e 2004.
Unha oportunidade para lembrar o noso pasado migratorio, reflexionar sobre a experiencia da emigración e achegarnos, a través da fotografía, ás historias de quen un día tivo que deixar atrás a súa terra.






