O SendAres percorre o Camiño dos Faros entre Muxía, Nemiña e Fisterra

Comparte esta nota de prensa

O pasado venres e sábado, os e as participantes do SendAres afrontaron unha ruta dobre polo Camiño dos Faros, un programa pensado para coñecer e recoñecer o patrimonio natural galego a través do sendeirismo. Ao longo de dúas intensas xornadas, percorreron preto de 52 quilómetros de litoral, entre cantís, praias, calas e miradoiros.

A primeira etapa, entre Muxía e Nemiña, estendeuse ao longo de 25 quilómetros e salvou un desnivel positivo de 1.100 metros. O percorrido levou o grupo por unha das zonas máis agrestes e auténticas da Costa da Morte, pasando pola contorna do Cabo Touriñán, o punto máis occidental da España peninsular, ata chegar á praia de Nemiña.

Tras a primeira xornada, os e as sendeiristas fixeron noite no albergue As Eiras, en Lires, onde tamén desfrutaron da cea. Ao día seguinte retomaron o camiño para completar os 27 quilómetros da etapa entre Nemiña e o Faro de Fisterra, cun desnivel positivo de 800 metros.

Nesta segunda xornada, o itinerario atravesou a ría de Lires e continuou por espazos tan espectaculares como a praia do Rostro, os cantís da Canousa ou o Cabo da Nave, antes de culminar no emblemático Faro de Fisterra, o coñecido tradicionalmente como ‘fin do mundo’.

Dous días de sendeirismo, natureza e paisaxes salvaxes que permitiron aos participantes descubrir de preto a riqueza do litoral da Costa da Morte e vivir unha nova experiencia dentro do programa SendAres. 🌿🥾

O SendAres continúa percorrendo e poñendo en valor o patrimonio natural de Galicia! 💙

Pódeche interesar