A Concellería de Cultura do Concello de Ares conmemora o Día das Bibliotecas 2026 cunha programación especial de actividades dirixidas ao público infantil e familiar, que se desenvolverán na Biblioteca Municipal entre o 20 e o 23 de outubro.
A proposta comezará o martes 20 de outubro con dous obradoiros adaptados ás diferentes franxas de idade. Ás 16:30 horas terá lugar a actividade destinada a nenos e nenas de 3 a 6 anos, mentres que ás 18:00 horas será a quenda do grupo de 7 a 10 anos. O custo será de 3 euros por participante e as inscricións poderán realizarse a través de www.concellodeares.gal a partir do martes 13 de outubro.
O xoves 22 de outubro, ás 18:30 horas, a Biblioteca Municipal acollerá o contacontos “O conto que fai clap”, de Sonia Hermida, unha proposta para público infantil e familiar que será de balde e que conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
A programación continuará o venres 23 de outubro, tamén ás 18:30 horas, co espectáculo de artes escénicas “Mesón As Tres Gracias – Casa de Comidas”, da compañía A Run Run. A función, destinada igualmente ao público infantil e familiar, será gratuita e estará incluída no programa Ler Conta Moito.
Con esta programación, Ares súmase á celebración do Día das Bibliotecas 2026, reivindicando estes espazos como lugares de encontro, aprendizaxe, participación e acceso á cultura para toda a veciñanza, especialmente para as novas xeracións.

