Avisos

1.  Obxecto do concurso

O Concello de Ares convoca un Concurso de Debuxo Infantil co obxectivo de fomentar entre a infancia hábitos responsables de reciclaxe e coidado do medio ambiente, promovendo os valores da campaña municipal sobre compostaxe doméstica.

2.  Participantes

Poderán participar nenas e nenos que asistan aos Obradoiros de reciclaxe e compostaxe no CPI As Mirandas que se impartirán neste curso 2026-2027:

  • 1º curso de Educación Infantil
  • 2º curso de Educación Infantil
  • 3º curso de Educación Infantil

3.  Temática

A temática do concurso será: “Compostar en Ares mola!”. Os debuxos deberán representar situacións cotiás relacionadas coa correcta separación dos restos orgánicos que se xeran a diario nas vivendas e o uso do composteiro, ou ben do colector marrón.

4.  Características dos traballos

  • Cada participante poderá presentar un único debuxo.
  • O formato será DIN A4.
  • As técnicas serán libres: lapis de cores, ceras, rotuladores, acuarelas, collage con materiais reciclados,
  • Os traballos deberán ser orixinais e inéditos, non premiados nin presentados a outros concursos.

5.  Presentación

No reverso do debuxo deberá figurar:

  • Nome e apelidos do/a participante
  • Idade
  • Categoría
  • Centro educativo

Os debuxos entregaranse aos titores de cada curso o xoves 29 de outubro deste ano 2026.

6.  Prazo de presentación

O prazo de presentación será do xoves 22 de outubro ao xoves 29 de outubro, ambos incluídos.

7.  Xurado

O xurado estará formado por dous profersores/as do centro escollidos/as pola xefatura de estudos [que non formen parte da plantilla de Educación Infantil] e a concelleira de Medio Ambiente.

A súa decisión será inapelable.

8.  Premios

Establécese un premio único consistentes en:

  • Lotes de libros

9.  Difusión e exposición

Os debuxos presentados poderán ser expostos en espazos municipais e difundidos a través dos medios do Concello, indicando sempre a autoría dos/as participantes.

10.  Aceptación das bases

A   participación   neste   concurso   implica   a   aceptación    íntegra    destas    bases.  Calquera cuestión non prevista nelas será resolta pola organización.

11.  Protección de datos persoais

De conformidade co disposto na normativa vixente en materia de protección de datos persoais, os datos facilitados polos/as participantes e polos seus pais, nais ou titores/as legais serán tratados polo Concello de Ares coa finalidade exclusiva de xestionar a participación no presente concurso, así como para a súa difusión cultural e educativa.

Os datos persoais non serán cedidos a terceiros, agás obriga legal, e conservaranse durante o tempo necesario para o desenvolvemento do concurso e das actividades asociadas ao mesmo.

Así mesmo, a participación no concurso implica a autorización expresa para a reprodución, exhibición e difusión dos debuxos presentados, así como do nome e idade dos/as participantes, en soportes físicos ou dixitais do Concello, sempre sen fins comerciais e no marco da campaña municipal de Medio Ambiente.

Os/as interesados/as poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, limitación do tratamento e portabilidade mediante solicitude dirixida ao Concello de Ares polos medios habilitados para tal fin.

12.  Dereitos de imaxe dos/as menores

A participación no presente concurso implica a autorización expresa por parte dos pais, nais ou titores/as legais dos/as menores participantes para que o Concello de Ares poida captar, reproducir e difundir imaxes dos debuxos presentados e, se for o caso, imaxes dos/as menores relacionadas coa entrega de premios, exposicións ou actividades de difusión vinculadas ao concurso.

Estas imaxes poderán ser utilizadas en materiais informativos, educativos ou divulgativos do Concello, tanto en soportes físicos como dixitais (páxina web, redes sociais, publicacións municipais ou medios de comunicación), sempre sen fins comerciais e no marco da campaña municipal de Medio Ambiente.

En ningún caso se asociarán as imaxes a contidos que poidan menoscabar a dignidade, honra ou interese dos/as menores.

BASES CONCURSO DEBUXO en pdf